| Spasinho |

Salgado e Liñares Arquitectos
Serra de Outes | 2021-2022

Centro de hidroterapia
no complexo turístico de Albeida

Como complemento e fase final do complexo turístico de Albeida, proxectamos e construímos un novo Centro de Hidroterapia denominado “SPASINHO”.

O conxunto contaba con unha edificación principal e varias edificacións secundarias consistentes nun hórreo, varias pequenas cortes e un cuberto que se separaban da vivenda por unha pequena fenda vertical a través da que se accedía ó conxunto.

A pesares da liberdade do programa, era premisa fundamental que e instalación puidera funcionar de xeito autónomo, sen limitar o seu uso exclusivamente ós aloxados no complexo polo que era necesario dotalo dunhas instalacións moi completas. Utilízase tamén, a modo de recepción, a planta baixa da vivenda acaroada que quedara sen rehabilitar na anterior intervención.

Establécese un percorrido circular e ascendente que nos permite coser todos e cada e un dos espazos tradicionais sen prescindir, en ningún deles, das fermosas vistas que dende alí se ten da desembocadura do río Tambre, da Vila de Noia, dos montes do Barbanza e do nacemento da Ría de Muros e Noia. Recupérase a corte da cabra (baño de vapor), o cocho dos porcos (ducha de contrastes) e habilítanse dous espazos de auga no pallal e na antiga barra, utilizando a cuberta da primeira poza para proxectar un novo espazo de lecer. A planta alta da edificación tradicional alberga unha zona de relaxación e unha zona de masaxe e tratamentos na que se proxecta e constrúe tamén todo o mobiliario utilizando exclusivamente pedra e madeira.

O percorrido complétase no exterior, onde se utiliza o hórreo tamén como espazo para tratamentos e rematase cunha nova edificación no punto mais alto da parcela, na que se proxecta unha sauna.

Defínense construtivamente as novas edificacións e as rehabilitacións cunha sonora concatenación de celosías de madeira coas que se resolve dende a estrutura ata o mobiliario, en honra das arpas mais famosas do mundo que, durante moitos anos encheron de harmonía aquel lugar tan fermoso.

Toda a intervención responde a este orde musical a través dun elaborado sistema construtivo en madeira, pedra e formigón que determina acabados e proporcións.

En resumo, un pequeno gran lugar, un percorrido a través do pasado e do presente, un “viacrucis” físico e espiritual no que se nos vai amosando o mellor de dentro e fora e no que sempre están presentes a terra, a auga e o lume.

Música, pasado, presente e xa se verá…

  • Arquitectos redactores
    Francisco Liñares + Alfonso Salgado
  • Enxeñeiro
    Manuel Liñares Túñez
  • Arquitecta de desarrollo
    Carla Agra García
  • Equipo de traballo
    Jaime Novoa Míguez (arquitecto)
    Abraham Viqueira Portos (arquitecto)
    Carlos Pérez Lousame (arquitecto)
    Castor Campos (aparellador)
  • Promotores
    Do Artesanato CAC, S.L.
    Renata Lema Turnes
    Manuel Lema Sieira
    Saladina Turnes Romero
  • Fotografía
    Héctor Santos Díez
    Roi Alonso